Monte de eucaliptos e eólicos en Galicia
(foto: campogalego.es)


O cambio climático é unha das causas que contribúen ao aumento dos incendios en todo o mundo, e que en Galicia xa son frecuentes cada ano. Pero non é a única, en Galicia a principal causa dos incendios é o abandono do medio rural. 

Ao longo da historia houbo épocas de seca con un aumento do número de incendios, pero non eran tan frecuentes xa que o medio rural estaba máis traballado e a conservación do monte era fundamental para a silvicultura.

Actualmente un dos maiores problemas que ten Galicia, como tamén o norte de Portugal, é que o descenso dos usos do monte para consumo agrario derivou nun elevado aumento do monocultivo de eucalipto, que se foi expandindo non só no monte, senón preto de casas e camiños, en zonas onde antes había prados e campos de cultivo.

O eucalipto é a especie de máis rápido crecemento e a máis rendible para a industria madereira e papeleira. Pero tamén é unha especie invasora, pirófita e gran consumidora de recursos hídricos, non é endémica e muda a paisaxe típica galega transformando a fauna e a flora que xorde nos eucaliptais, e moitas veces ocultando áreas de patrimonio histórico como castros e restos megalíticos.

En países cunha xeografía semellante á galega, como pode ser Irlanda ou a Bretaña francesa, non existe tanta superficie de eucaliptos porque os usos son maiormente dedicados á agricultura e gandeiria. Tamén é verdade que en Galicia hai máis áreas de montaña, co cal, se se regula o cultivo de eucalipto, o monte debe atopar outros usos que eviten o seu abandono. 

Os montes comunais, as concentracións parcelarias ou o Banco de Terras son formas de xestión territorial que axudan a reducir o abandono e aumentar a rendibilidade das leiras. É importante evitar que o eucalipto medre preto das aldeas e esixir a adecuada limpeza dos montes despois das talas. En Galicia existe superficie de monte de eucalipto, sobretodo na Mariña luguesa, que non arde porque está controlada e non se expande de xeito abandoado. 

Por outra banda hai moita superficie que arde e que non é de eucalipto, senón tamén de matogueira, principalmente nas comarcas de Ourense. Algunhas son incluso zonas próximas a espazos protexidos de interese ambiental, co que, ademais das causas climáticas aquí máis favorables para a propagación dos incendios, entran ademais dos intreseses forestais, os urbanísticos para a recalificación do solo.

Para iso, ademais da xestión preventiva, é fundamental a ordenación territorial e forestal. O control das especies invasoras, evitar o exceso de pirófitas, e permitir a compatibilidade de usos, establecendo zonas de uso forestal e agrícola, zonas de uso protexido ambiental e tamén turístico nas zonas de montaña.

 

Parque da Natureza de Marcelle (Outeiro de Rei)


Ameazas e oportunidades da enerxía eólica e da minería.


Se cómpre dar máis usos a esa superficie extensa de monte que ten Galicia, un aproveitamento chave é o da enerxía eólica. A aposta da Unión Europea pola transición enerxética, substituindo as enerxías fósiles polas renovábeis implican o peche e reconversión da central térmica de As Pontes.

Mais os parques eólicos deben instalarse en zonas axeitadas sen interferir na calidade de vida da poboación. O exceso de e instalacións eólicas en zonas próximas aos núcleos rurais causan molestias aos habitantes, as aves, etc... ademais do impacto paisaxístico que xeran sobretodo en zonas costeiras.

E a enerxía eólica tamén debe repercutir no propio territorio. Non ten sentido desincentivar o despoboamento coa instalación de eólicos sen ter beneficios na factura da luz. Galicia, como país productor de enerxía renobábel de baixo custo ten que aproveitar ter prezos mais baixos, así como evitar un exceso de parques eólicos para exportar a enerxía que non precisamos só para o beneficio das grandes empresas enerxéticas que teñen a súa sede fóra. 

Trátase de ter soberanía enerxética dentro do sistema eléctrico ibérico que debe compartir de xeito equilibrado a rede eléctrica con outras enerxías renovábeis que tamén se deben fomentar, como a enerxía solar, seguindo o marco da Axenda 2030, en zonas axeitadas facendo estudos ambientais e climáticos. 

E ao mesmo tempo, a conexión cos gasoductos internacionais e plantas regasificadoras (en Galicia hai unha, en Mugardos) ou coas nucleares que queden activas noutras zonas do Estado Español para complementar a demanda de enerxía sen sobreexplotar o territorio. Lembremos a experiencia co exceso de encoros e centrais hidroeléctricas existentes en Galicia e os seus perxuizos á poboación, que tivo que abandoar aldeas e leiras, e as consecuencias paisaxísticas nos vales fluviais que ainda repercuten hoxe en día.

Outra actividade relacionada co abandono do medio rural é a minería, que pode ser unha ameza pero tamén unha oportunidade. Por unha banda o proxecto da Mina de cobre de Touro-O Pino foi paralizada por sorte gracias as protestas da cidadanía, xa que era totalmente perxudicial para as aldeas e o medio natural. 

Porén, as áreas de montaña na provincia de Ourense contan con recursos mineiros que dan traballo a unhas comarcas com moito desemprego e grande abandono rural, xa que minerais como o litio ou o coltán son moi demandados na actualidade para a fabricación de productos tecnolóxicos tales como as baterías para teléfonos móbiles ou para coches eléctricos. Novamente cómpre estudar as vantaxes e inconvenientes para mellorar e asentar poboacion no rural e mellorar a súa calidade de vida. 

É fundamental compatibilizar os usos mediante un desenvolvemento económico sostible co menor impacto ambiental posible. Pero sobretodo que repercutan os beneficios no territorio, creando unha industria relacionada coa minería en Galicia para que non só se exporten as nosas materias primas, senón fabricando esa tecnoloxía tamén no propio país.


Mina de Coltán en Penouta
(foto: farodevigo.es)


Aldeas intelixentes: agroindustria, comercio local e turismo rural.


As últimas tendencias sociais, sobretodo despois da pandemia, son o afán por mudarse a vivir no rural, para mellorar a calidade de vida lonxe das grandes cidades. Pero o tipo de vida que se quere facer no rural segue a ser de características urbanas, con ofertas culturais, de lecer, acceso a internet e ao teletraballo. Sempre valorando o medio ambiente e a proximidade ao producto rural, tanto alimentario como artesanal.

Así, por unha banda hai xente nova que quere traballar no rural, pero outra quere vivir nel tendo a opción de desprazarse diariamente ao seu posto de traballo na vila ou cidade. Para ambos casos é preciso fomentar o emprego e os servizos básicios no rural, así como mellorar as comunicacións e o transporte público coas vilas cabeceiras comarcais, que son os pequenos centros comerciais e de servizos.

A soberanía alimentaria e a modernización da agroindustria local é unha das grandes oportunidades. Galicia conta con unha grande superficie para unha producción agraria diversificada que se pode transformar no propio territorio mediante unha industria local, seguindo así exemplos de outros países da Unión Europea con características xeográficas similares como Paises Baixos, Irlanda, Bretaña Francesa, País Vasco, etc... que contan cun importante sector agroindustrial.

A idea é producir de maneira local mentres estamos conectados de maneira global. Neste aspecto, as aldeas deben de estar preto dos centros de formación e profesionalización nas actividades rurais para incrementar a innovación.  E tamén contar con cooperativas agrarias e mercados rurais que faciliten a distribución directa agricultor-consumidor, así coma canles de distribución cara as cidades.

O futuro pasa por transformar as aldeas tradicionais en aldeas intelixentes (smart villages) mediante o acceso á tecnoloxía e internet, algo fundamental para fixar poboación no rural. Por outra banda, está a ampla oferta do turismo rural, natural, cultural e de balnearios. A posta en valor o patrimonio histórico e natural de maneira sostible, é outra das grandes riquezas de Galicia.

E se falamos de estratexias de desenvolvemento local hai que pór o exemplo de Allariz. Esta vila leva anos ofrecendo diferentes actividades culturais, gastronómicas ou de lecer todos os fins de semana do ano. Esta vila de interior aproveita a boa situación xeográfica a uns 15 minutos de Ourense por autovía e tamén do Parque tecnolóxico de Galicia que ofrece a posibilidade de facer de vila dormitorio. Ademais a súa actividade económica endóxena basease na comercial, destacando as tendas outlet de roupa, principalmente de marcas galegas.


Outlet do Reizentolo en Allariz