Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil


Ribeira Sacra é un dos 24 candidatos a ser declarados Patrimonio da Humanidade pola comisión da UNESCO en 2021. Este espectacular territorio do interior de Galicia está bañado polos ríos Miño e Sil e ten unha paisaxe de viñedos e vexetación autóctona de especies arbóreas como carballos, castiñeiros, sobreiras e érvedos. Tamén ofrece un rico patrimonio cultural formado por espléndidos mosteiros, igrexas, santuarios e ermidas de arte románica.

Os ríos dividen a Ribeira Sacra en dúas zonas, as de ambos vales fluviais. Ao norte está a beira do Miño, en dirección N-S, onde hai máis aldeas, adegas e igrexas. E ao sur, o Cañón do Sil, en dirección E-O, que ten ladeiras máis pronunciadas con pendentes que chegan aos 500 metros sobre o río.

Ámbalas dúas ribeiras están rodeadas polo relevo granítico característico de Galicia, o que significa que hai moitas curvas e meandros ao longo dos cursos do río. Aínda que é unha paisaxe natural, tanto o Miño coma o Sil cambiaron o seu curso debido aos encoros, algo tamén moi característico de Galicia. Incluso hai aldeas enterradas baixo as súas augas e terras inundadas que causaron danos importantes na poboación local na década de 1960, que tivo que abandonar as súas casas e leiras.

A Ribeira Sacra estivo habitada desde a antigüidade, como se pode comprobar nos restos dos castros galaicos espallados por este territorio. E as ladeiras das ribeiras do río sempre se cultivaron polo seu microclima favorable, estando protexidas das influencias atlánticas e permitindo que as influencias mediterráneas pasen por Cañón do Sil.

Deste xeito, é un territorio favorable para o cultivo da uva debido á gran cantidade de sol e choiva que recibe ao longo do ano. Isto pódese ver na distribución de numerosas pequenas adegas que existen ao longo da Ribeira Sacra para a produción de viño.

Todos estes factores, sumados ao feito de que é un lugar illado e de difícil acceso, chamou a atención dos cregos e monxes para a construción de ermidas, santuarios e mosteiros. Sempre escollían os mellores sitios!


Actualmente, a produción de viños de Ribeira Sacra atópase dentro dunha das Denominacións de Orixe (D.O. Ribeira Sacra) que posúe Galicia. As empresas vitivinícolas exportan os seus viños a todo o mundo. Porén, moitas pequenas adegas que levan décadas funcionando pechan debido a dificultade para plantar vides e colleitar uvas neste territorio. É por iso que estas explotacións requiren dunha modernización das infraestruturas para que os propietarios non abandonen a terra.

E é que ademais do valor do patrimonio artístico histórico existente en Ribeira Sacra, o xeito de traballar a terra a través da construción de terrazas nas ladeiras desde a época prerromana, é un valor humano que tamén debe ser considerado patrimonio.

O plan de dinamización turística da Xunta de Galicia 2020-2023 baséase na mellora de infraestruturas para o turismo, como o acondicionamento de estradas, a sinalización de sendas peonís, a rehabilitación de adegas e antigos muíños, a mellora de accesos e a adaptación de miradoiros, etc... Todo para acadar o recoñecemento do Patrimonio Mundial por parte da UNESCO, e tamén para incentivar a economía da zona especializándoa en turismo e hostelería, vinculada á produción de viños de calidade.

Porén, non hai estratexias concretas para fixar a poboación no rural, contribuíndo a modernizar as explotacións. Ademais, existen as ameazas de turistificación co aumento de servizos como rutas de catamarán, trens turísticos e incluso rutas en globo... e tamén serias ameazas de degradación ambiental que poden poñer en risco a propia candidatura da UNESCO, como a creación dunha tirolina ou a construción dunha futura autoestrada próxima á zona.

Entón a cuestión é: ¿poden ser compatibles todos os usos? ¿Pódese levar a cabo unha planificación turística dinamizadora sen que a poboación local se vexa obrigada a abandonar o territorio ou terán que cambiar o seu modo de vida como ocorreu despois da construción dos encoros?

E, finalmente, a Ribeira Sacra será considerada Patrimonio da Humanidade? Sen dúbida o merece, veremos que acontece.


Preme na caixa do canto superior esquerdo do mapa para escoller as capas que desexes ver.