O turismo, tal e como ocorre a nivel mundial, está en aumento, pero en Galicia é un fenómeno relativamente recente. O compromiso de promocionar o Camiño de Santiago a principios dos 90, deu a coñecer a Galicia en todo o mundo. Hoxe, o debate é se apostar por unha maior capitalización do Camiño cos riscos dun turismo masivo e todo o que iso implica, ou se debe seguir mantendo a súa esencia "espiritual". Se cadra, a mellor opción é que haxa ambas opcións, un turismo de calidade caro e outro máis barato, sempre controlando a masificación por parte das administracións.

Ademais do turismo cultural, natural ou de praia, destaca o turismo rural e termal, debido á súa extensa rede de casas rurais, augas termais e balnearios en todo o territorio. Durante os últimos veráns en tempada alta, xa hai problemas derivados do turismo de masas nas zonas costeiras máis turísticas e é algo que Galicia debe saber xestionar ben, controlando a entrada de turistas nos lugares máis concorridos, aplicando impostos turísticos e aumentando os prezos de entrada en monumentos e espazos naturais para unha boa conservación.

Unha das vantaxes do turismo, ademais das económicas, é o feito de esixir ás administracións a coidar mellor o inmenso patrimonio natural e cultural que posúe Galicia e que sempre se descoidou, a pesar do seu enorme valor e riqueza.

O mesmo acontece coa planificación urbana, que desde a década de 1960 co auxe da construción, xa que non houbo ningún tipo de ordenamento e unha teima esaxerada na construción de edificios en altura, ás veces por non comprar terreos, e outros por querer dar unha imaxe de maior ostentación, creouse unha especie de feísmo en todas as cidades e vilas que hoxe son lamentablemente características deste territorio.

Debería tomarse un exemplo doutros países europeos ao respecto, restrinxindo e ordenando mellor o territorio de Galicia, o monte, as zonas costeiras, as zonas urbanas, pero sen depender exclusivamente do turismo. E para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes sen que Galicia non só se converta nun museo-territorio, cunha fermosa paisaxe e onde se come ben e barato. Os sectores agrícola e industrial deben seguir modernizándose, apostando pola tecnoloxía e a innovación.

Por outra banda, é fundamental a aproximación entre Galicia e o Norte de Portugal, onde a pesar de ser unha das fronteiras máis antigas de Europa, nunca houbo unha división cultural e sempre houbo intercambios económicos e sociais. De feito, cada vez son máis as empresas galegas que operan en Portugal, despois da entrada de ambos países na Unión Europea, ao facilitar a libre circulación de persoas e capitais, o establecemento da Eurorrexión e as Eurocidades fronteirizas que comparten servizos e infraestruturas.

E tamén o mercado da conurbación urbana Porto-Braga, que cobre unha cantidade significativa de poboación potencial de case 2 millóns de habitantes, e que por a estrada está a só a 1 hora e media da zona urbana de Vigo (a máis poboada de Galicia). Isto supón o acceso a servizos e oportunidades económicas e laborais aos habitantes dos dous lados do río Minho aos que unen lazos culturais e lingüísticos.

Aquí a lingua galega, a lingua propia de Galicia, cobra unha dobre importancia. En primeiro lugar, como marca de identidade e valoración dos produtos galegos para o comercio peninsular e europeo, e en segundo lugar, pola súa proximidade ao portugués, xa que ambas son variedades dun mesmo sistema lingüístico, o galego-portugués.

Esta é unha gran oportunidade para comunicarse con máis de 500 millóns de falantes no campo da lusofonía (ou galaicofonía) en todo o mundo. Isto, xunto co coñecemento e uso do castelán (tamén lingua oficial en Galicia e unha das linguas máis faladas do mundo), proporciona a este país unha clara vantaxe de relacionarse social e economicamente, non só con todos os territorios da Península Ibérica, sendo a conexión entre España e Portugal, senón tamén con toda América Latina.

Pero o desafío de futuro máis importante para Galicia é, sen dúbida, o reto demográfico. A súa poboación é unha das máis avellantadas do mundo, coas consecuencias económicas que isto implica ao ter máis pensionistas e menos traballadores cotizantes. 

A esperanza de vida tamén é das máis altas aquí, pero nacen moi poucos nenos, o que significa que o saldo vexetativo é eternamente negativo e cada ano segue diminuíndo. Isto engádese ao feito de que a fuga de cerebros a outras rexións e cidades aínda é común e tamén é preocupante o abandono do medio rural que sempre caracterizou a Galicia. É preocupante que en moitas vilas só viven persoas maiores e outras xa están deshabitadas.

Cal debería ser a solución a este problema? Sen dúbida, como en moitos outros lugares, a inmigración de xente nova, de xeito regulado e controlado, axuda a cambiar a situación. Algo que, por exemplo, acontece en Portugal, atraendo a unha poboación de orixe brasileira á que unen lazos culturais. Polo momento, o saldo migratorio dos últimos anos foi positivo en Galicia, e a poboación estranxeira residente en idade de traballar procede principalmente de países como Portugal, Brasil, Colombia, Venezuela, Arxentina, Perú ou Marrocos, e tamén xubilados doutros países europeos.

Por último, tamén hai que investir na modernización e mellora da calidade do emprego, tanto nas zonas rurais como nas cidades, centrándose no emprendemento, a innovación, a investigación e a tecnoloxía. E, sobre todo, evitar a fuxida de empresas a cidades como Madrid, que teñen mellores infraestruturas e beneficios fiscais.

Isto reduce o emprego en Galicia e é unha realidade que lamentablemente aumentará nos próximos anos debido á conexión de alta velocidade con Madrid, xa que facilita a deslocalización e os desprazamentos laborais cara os principais focos de emprego fóra da Autonomía. Neste sentido, é esencial dotar ás empresas de facilidades fiscais para que decidan instalarse en Galicia.



Torre de Hercules
Torre de Hércules ou de Breogán (Coruña)