No extremo noroeste da Península Ibérica, no suroeste da Europa, atópase Galicia, terra de peregrinacións ao longo da historia e un dos Finisterres xeográficos do continente.
Os peregrinos que chegan ano tras ano camiñando desde as terras chairas da meseta castelá seguindo o Camiño de Santiago francés, atopan ao chegar a Galicia unha paisaxe totalmente diferente, dominada por montañas, bosques e verdes prados regados por miles de ríos e regatos e con unha xeoloxía dominada polo granito, que se observa nas súas rúas e edificios. Unha paisaxe atlántica que se asemella ás de Gran Bretaña, Irlanda ou Gales.
Pola súa situación xeográfica, producíronse en Galicia moitos intercambios culturais e comerciais con outros pobos do sur do continente, de cultura mediterránea, e tamén coas outras culturas celtas do norte da Europa, algo que se pode ver nas súas tradicións históricas, música ou características lingüísticas. Este feito acentuouse a través do Camiño de Santiago dende a Idade Media. Así, a primeira impresión é dunha terra na Europa latina, con características propias da Europa atlántica.
Galicia conserva a súa propia realidade xeográfica e cultural, diferente doutros pobos peninsulares. Ao mesmo tempo, debido ao seu emprazamento, ten moitas características en común co norte de Portugal, co que comparte territorio e área lingüística (galego-portugués). E tamén co norte do Estado español, do que forma parte hoxe como Autonomía coa característica de ser unha Nación Histórica recoñecida, tanto pola Constitución española como pola Sociedade de Nacións (así como Cataluña ou o País Vasco). Deste xeito, Galicia atópase a medio camiño entre o mundo hispano e o mundo lusófono.
Unha singularidade de Galicia é o seu clima, máis cálido e solleiro que no norte da Europa, pero máis frío e chuvioso que no centro e sur da Península Ibérica ou nas rexións mediterráneas, sendo un clima moi influído polo Océano Atlántico. Así, o carácter frío e triste dos galegos que condiciona o inverno, faise alegre e festivo durante o verán, o que demostra o número de festas, festas na rúa e festas gastronómicas que inundan as súas poboacións no verán.
Este é un factor moi importante, xa que dá vida e dinamismo ao medio rural, cousa que non ocorre noutros territorios similares. Ademais, no verán, a poboación aumenta debido ao retorno temporal dos traballadores emigrados durante o período de vacacións.
Os límites administrativos de Galicia están bastante ben definidos xeograficamente, aínda que historicamente foron moito máis extensos e actualmente hai concellos limítrofes con Asturias, León e Zamora onde tamén se fala galego. Pero en xeral constitúe unha realidade xeográfica diferenciada do resto da Península Ibérica polo Macizo Galaico, onde as serras orientais dos Ancares, do Courel e do Eixo forman unha fronteira natural de norte a sur.
Polo sur, aínda que existen moitas semellanzas xeográficas e culturais entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, a liña administrativa que as divide é unha das fronteiras artificiais máis antigas de Europa (case intacta dende o século XII). E a ambos os dous lados dela, consérvanse fortalezas defensivas como lembranza das batallas que tiveron lugar entre ambos territorios durante o século XVII.
Esta linea fronteiriza denomínase A Raia e divídese en tres partes: o curso inferior do río Miño, as Serras de Peneda-Xurés e a Raia Seca, que debe o seu nome a que non hai ningún río que faga de fronteira. Aquí están os concellos do Couto Mixto, que no seu dia foron independentes tanto de Galicia como de Portugal.
A Raia Seca, esténdese desde o Xurés até os Montes de León, e atravesa o alto val do río Támega, que é a vía natural de entrada (ou saída) máis ampla a Galicia dende o sur e polo interior. As outras vías naturais de entrada ou saída obrigan a atravesar os ríos Miño e Eo perto da costa, atravesar os portos das serras do sureste ou os vales estreitos e sinuosos dos ríos Sil e Limia, o que obrigou a realizar complexas infraestruturas de estradas, autoestradas ou vías férreas con numerosas pontes e túneles.
Porén, o val do Támega é máis largo e é a porta de entrada ao Camiño de Santiago portugués interior e á Vía da Prata portuguesa. O río Támega nace en Galicia pero ten a maior parte do seu percorrido en Portugal e divide as dúas áreas da Eurocidade Verín-Chaves. A portuguesa Chaves e a galega Verín están conectadas por unha distancia de 30 quilómetros e a rúa que as une chámase Avenida de Portugal na parte de Galicia e Avenida da Galiza na parte de Portugal. Tamén hai outras dúas Eurocidades fronteirizas en cada beira do río Minho: Tui-Valença e Salvaterra-Monção.
A costa tamén é característica e representativa de Galicia, grazas ás súas Rías. Cando deixa de haber rías e a costa faise rectilínea cara ao sur, advírtenos de que Galicia remata e comeza Portugal. E o mesmo sucede polo norte cando se achega a Rasa Asturiana. Destacan tamén as súas zonas de cantís e praias de area branca moi fina, froito da erosión provocada polo vento e o mar, que golpean con gran forza a costa galega.
E é que Galicia é mar, con case 1.500 km de costa nunha superficie total de só 29.500 km. fai que a maioría da poboación viva xunto ao mar, e que sempre vivira dos seus recursos mariños. As dezaseis rías que ten Galicia ao longo de todo o seu litoral favorecen a existencia de portos naturais e a aparición dunha importante actividade acuícola e pesqueira.
Tamén son abundantes os ríos que discorren por todo o país, a maioría curtos, estreitos e pouco navegables pola orografía, pero cun gran valor enerxético xa empregado no pasado coa construción de muíños fluviais. Na actualidade existe un importante aproveitamento dos recursos hídricos, tanto en encoros hidroeléctricos como en augas termais, grazas á súa xeomorfoloxía.
Polo seu clima e tamén pola súa natureza montañosa, o relevo costeiro e interior de Galicia proporciona un gran potencial eólico. Porén, a excesiva instalación de muíños eólicos xera problemas ambientais no rural ademais de non repercutir directamente no territorio, xa que boa parte da enerxía eólica expórtase e as empresas que a producen tributan fóra.
A transición enerxética ao sector das enerxías renovables é esencial, pero adoita converterse nun negocio para as grandes empresas e non repercute como debería na calidade de vida da poboación rural. Galicia tamén ten unha central térmica que ten previsto deixar o carbón e deixar paso ao almacenamento do gas natural licuado.
Dende a época prerromana este territorio tiña diferentes xacementos mineiros (ouro, carbón ...) e hoxe destacan as canteiras de granito na parte occidental e de lousa na parte oriental. Incluso no sur de Galicia comézanse a explotar as minas de litio.
Do mesmo xeito, hai unha industria da madeira, que tamén debe avanzar cara a un modelo máis sostible co medio ambiente. En Galicia hai moita superficie forestal e coa emigración do campo á cidade foi abandonada ou vendida para uso forestal intensivo, plantando especies foráneas como piñeiros ou eucaliptos (máis abundantes nas zonas montañosas da costa).
Estas especies, especialmente os eucaliptos, medran rapidamente, pero consumen moita auga e non son resistentes ao lume. Ademais, a miúdo espállanse preto das casas, o que é un problema durante os moitos períodos de intensos incendios neste territorio.
Por este motivo, cómpre unha planificación territorial, establecendo zonas adecuadas ou inadecuadas para o cultivo de piñeiro e eucalipto e establecendo facilidades para plantar especies autóctonas máis acordes coa paisaxe galega ou outras que non prexudiquen o chan e resistan mellor o lume.
Así, sería necesario ampliar os usos do monte para que a súa economía non dependa só da industria do papel, un sector de especial importancia na actualidade en Galicia.
0 Comentarios