Moitos dos peregrinos que visitan o Camiño de Santiago non se conforman con chegar só á capital de Galicia e ver a súa extraordinaria catedral, senón que continúan a súa viaxe cara ao mar.

En realidade, hai unha peregrinación pagá que se remonta a tempos anteriores ao cristianismo e, en consecuencia, á construción da catedral despois do descubrimento dunha "suposta" tumba do apóstolo Santiago.

As sociedades celtas galaicas peregrinaban ao mar para curar as almas mentres estaban vivas, antes de morrer ou como sacrificio para amosar o pesar por algo errado. Un destes enclaves foi Fisterra, (Finis Terrae) chamado polos romanos que pensaban que ese era o fin da Terra.

Estas peregrinacións tamén tiveron lugar noutros finisterres da cultura celta atlántica, como os de Irlanda ou Bretaña, pero tamén houbo outros lugares santuario onde houbo pedras sagradas, as famosas pedras de abalar ou mecedoiras.

Estas pedras sagradas existían nos países da cultura atlántica celta, como Cornualles (The Logan Rock). E tamén hai moitos lugares de culto deste estilo en Galicia, un dos máis famosos é Muxía, coa súa mecedoira e o santuario da Virxe da Barca. Aquí, moitos peregrinos rematan hoxe a súa viaxe.

Moitos destes antigos santuarios celtas foron posteriormente cristianizados, construíndose neses lugares capelas, como é o caso de Muxía. O mesmo ocorreu con moitos cruceiros, que antes de cristianizarse non tiñan a cruz, pero xa existían para marcar encrucilladas.

Durante a Era das glaciacións en Europa, Galicia mantívose como un refuxio climático, o que facilitou o asentamento de poboacións sedentarias que practicaban a agricultura e a gandería, e de grupos de cazadores e recolectores nómades. Por iso, existen abundantes restos arqueolóxicos da época megalítica, como as antas ou dólmenes.

Estas poboacións que vivían por toda a costa atlántica da Península Ibérica (Galicia e Portugal), segundo os romanos, eran os oestrimnios (habitantes do extremo oeste). É posible que unha parte dos oestrimnios viñera do norte de África e que estivesen emparentados cos mauri (mouros), un pobo bereber cuxo nome significaba na súa lingua: “habitantes da terra”. Os romanos chamaron Mauretania a toda a costa do norte de África.

Segundo a mitoloxía romana, Oestrimnia foi invadida por unha tribo de saefes (un pobo celta que tiña á serpe como animal sagrado), e pasou a chamarse Ophiusa (o país das serpes). Suponse que os saefes foron os primeiros poboadores celtas que chegaron a Galicia entrando polo norte peninsular. Os pobos celtas eran sociedades migrantes de orixe indoeuropea (como moitas das linguas actuais de Europa) e expandíronse en varias vagas polo continente.

Segundo a mitoloxía celta, o rei Breogán chegou a Galicia dende a antiga Escitia polo Mediterráneo, atravesando as "Columnas de Breogán" (ou "Columnas de Hércules" segundo gregos e romanos) e fundou Brigantia (actual Coruña). Alí mandou construír unha gran torre dende a que o seu fillo Ith puido ver ao lonxe unha terra que el quixo invadir e que os seus descendentes conseguiron conquistar. Esa terra resultou ser a Irlanda. A Torre de Breogán foi destruída e posteriormente reconstruída como torre-faro polos romanos, e rebautizada na Idade Media co nome de Torre de Hércules, e que hoxe pódese ver na cidade da Coruña.

Hai historiadores irlandeses e galegos que defenden que Galicia é o berce da cultura celta atlántica. Posto que estes pobos celtas que se asentaron primeiramente no noroeste da Península Ibérica chegaron máis tarde aos Finisterres de Irlanda, Gales, Escocia ou Gran Bretaña... lugares onde os vestixios da súa cultura duraron máis tempo: palabras, topónimos, lendas, restos arqueolóxicos, costumes e celebracións que aínda perduran baixo a posterior denominación cristiá.

De feito, da lingua dos galaicos hai moitas palabras e raíces na lingua galega actual que garda semellanzas con outras linguas celtas como o gaélico. Só na provincia de Pontevedra existen máis de 50 topónimos relacionados cos asentamentos galaicos, e a cidade de Lugo leva o nome do deus Lugh (o deus do Sol da mitoloxía celta.

Os xeógrafos gregos denominaron aos galaicos polo nome do territorio no que vivían: kallaikoi, que significa “habitantes das montañas”. Un nome semellante ao doutros pobos celtas tamén denominados por gregos e romanos como os galos, os gálatas ou os gaélicos, que gardaban unhas características culturais comúns.

Os celtas galaicos, a diferenza dos oestrimnios, vivían no alto das montañas en asentamentos fortificados chamados "castros". Estas construcións tiñan a mesma tipoloxía, eran conxuntos amurallados de casas circulares de pedra. Sendo pobos que traballaban a pedra, ao atoparse con outeiros ricos en afloramentos graníticos por toda Galicia, neles establecéronse.

Estes asentamentos castrexos tamén son abundantes no Norte de Portugal e Asturias. Pero só en Galicia hai uns 3.000 inventariados, aínda que só menos do 1% son castros escavados que se poden visitar. Esta cifra é importante tendo en conta a superficie non demasiado extensa do territorio galego.

Como nas nosas cidades actuais, había castros grandes e pequenos. Algúns eran de gran extensión como o de Vigo ou o de San Cibrao de Lás (Lánsbriga ou Lámbrica), e estaban conectados con outros de menor tamaño, creando unha espectacular rede de castros por todo o territorio. Mantiveron tamén un estilo ordenado, coas casas que rodeaban un recinto central, a croa onde se facían xuntanzas, ofrendas, etc... e continuando polo monte estaban as zonas de hortas e pastos para os animais.

Durante a Idade do Bronce e da Idade do Ferro tamén tiveron especial relevancia os castros mineiros, xa que Galicia contaba con importantes reservas de estaño e ferro. Ademais, os castros costeiros foron fundamentais para o abastecemento de produtos pesqueiros e tamén para o comercio con outros pobos atlánticos e mediterráneos, como os fenicios, que tamén construíron portos na costa galega. Daquela, o transporte marítimo era máis doado e consumía menos tempo que o transporte terrestre. A sociedade celta galaica foi toda unha civilización.


Castro de Baroña Galicia
Castro de Baroña